Santiago, 23 de outubro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular, que foi transaccionada dos grupos do PSOE e En Marea, a través da que se demanda á empresa Alcoa que reconsidere a súa decisión e retire o expediente de extinción de emprego sobre a totalidade da plantilla da súa factoría de A Coruña, tentando buscar solucións entre todos os axentes políticos, económicos e sociais afectados, abrindo unha mesa de negociación con todas as partes.
Así mesmo, a proposta require ao Goberno central que poña en marcha, antes de que finalice a anualidade orzamentaria 2018, as compensacións por importe de 150 millóns de euros polos custos adicionais incorridos polas industrias electrointensivas.
Ademais de demandar a Alcoa a súa reconsideración e retirada do expediente de extinción de emprego sobre a totalidade da plantilla na súa factoría de A Coruña, a proposición non de lei pon de manifesto que as solucións que se adopten entre todos os sectores afectados deberán incorporar liñas de actuación adecuadas e de futuro que garantan o mantemento da produción e o emprego en factoría de A Coruña.
A portavoz de Enerxía, Marta Nóvoa, expresou “a solidariedade do Grupo Popular cos traballadores de Alcoa” e asegurou que “o mantemento dos empregos é no que debemos concentrar agora todos os nosos esforzos”. “A decisión unilateral de Alcoa de querer pechar as plantas de A Coruña e Avilés non a compartimos nin entendemos”, dixo.
Deste xeito, demandou “unidade de acción para que a empresa rectifique e levante o expediente de regulación de emprego, ao tempo que o Goberno central poña sobre a mesa un marco eléctrico que achegue estabilidade e certeza ás empresas electrointensivas”. “Non haberá futuro para Alcoa sen un marco regulatorio enerxético claro e definido”, concretou.
COMPENSACIÓNS
A proposición non de lei aprobada esta tarde tamén demanda ao Goberno central a posta en marcha das compensacións previstas na disposición adicional centésima cuadraxésima quinta da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018, por importe de 150 millóns de euros, ao tempo que para o exercicio 2019 e seguintes se implante un novo réxime de compensación por custos adicionais incluídos no prezo da electricidade soportados pola industrias electro-intensivas.
Así mesmo, e de cara a anos sucesivos, se solicita que o Goberno central estableza todos os mecanismos de compensación necesarios, previo acordo coas Comunidades Autónomas afectadas, para que este tipo de industrias compitan en igualdade de condicións coas súas homólogas europeas.
Todas estas actuacións deberán estar condicionadas a investimentos para a viabilidade tecnolóxica futura das factorías e ao mantemento do emprego.