Santiago, 4 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a proposición non de lei a través da que demanda ao Goberno central a creación dun novo xulgado en Viveiro cando, a criterio da Comisión Mixta entre o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e a Xunta de Galicia, existan as condicións obxectivas de necesidade para a dita creación.
Así mesmo, solicita que a Xunta estableza as medidas de apoio que a Comisión Mixta estime adecuadas para resolver a sobrecarga de traballo de asuntos civís que existe nos xulgados de Viveiro.
O deputado do Grupo Popular, Alberto Pazos Couñago, explicou que “a creación dun terceiro xulgado en Viveiro debe ser valorado en función das necesidades obxectivas contempladas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e ningunha das súas memorias dos últimos 10 anos o consideran prioritario”.
Así mesmo, salientou as medidas tomadas pola Xunta de Galicia en relación á carga de traballo dos xulgados de Viveiro, a través dun funcionario de reforzo máis a prolongación da xornada 2,5 horas no Xulgado número 1 e o incremento do cadro de persoal no Xulgado número 2.