Santiago, 18 de decembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento a elaboración e presentación, á maior brevidade, dun Plan Director de transporte de mercadorías para o noroeste peninsular, que estableza unha programación para o desenvolvemento dunha rede ferroviaria de calidade e acorde cos requisitos establecidos para a rede principal da Rede Transeuropea de Transporte.
Así mesmo, pídese que solicite fondos europeos para o desenvolvemento desta rede transeuropea de transporte no noroeste peninsular, tendo especialmente en conta o proxecto ferroviario da saída sur de Vigo, posible beneficiario destas axudas ao tratarse dunha actuación estratéxica para Galicia e para o Norte de Portugal.
A deputada popular Julia Rodríguez Barreira lembrou “as noticias esperanzadoras dos anos 2017 e 2018 cando se conseguiu acadar a inclusión do noroeste peninsular no Corredor Atlántico, facendo necesario a elaboración por parte do Ministerio de Fomento do Plan Director para o Corredor Atlántico”.
“O Goberno socialista de Pedro Sánchez presentou no mes de febreiro un plan director non consensuado coas comunidades autónomas, incompleto, que omitía actuacións estratéxicas, non recollía conexións ferroviarias imprescindibles e contemplaba menos da metade do 3.100 millóns de euros que as comunidades consideran necesarios para a modernización deste itinerario ferroviario”, sinalou.
Posteriormente, o Parlamento de Galicia aprobou no mes de abril unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demandaba, entre outras cousas, a elaboración dun Plan Director para o Corredor Atlántico consensuado coas comunidades autónomas e o nomeamento dun Comisionado para o Corredor.
“Pasaron oito meses desde entón e do Plan Director non sabemos nada”, lamentou a deputada popular, quen apuntou que “as noticias mudaron de esperanzadoras e positivas a preocupantes e negativas”. Ademais, “a realidade é que do traballo coordinado, da unidade e a eficiencia para acadar un obxectivo común pasamos á estratexia da inacción e da confrontación”.
POÑERSE NO PEOR
Julia Rodríguez sinalou que “é fácil poñerse no peor: que esa discordia, que non existiu ata o mes de xuño e na que están implicados o PSOE e o seu colaborador necesario, o BNG, vai ser a escusa para que o Corredor Atlántico quede nun debuxo, mentres os fondos van para o Corredor Mediterráneo”.
“Desde o PPdeG imos seguir reclamando que o Corredor Atlántico sexa unha realidade, e para iso é necesario que á maior brevidade se elabore e presente un Plan Director cunha programación e proxectos concretos e de calidade para o noroeste peninsular, que permitan modernizar a rede de mercadorías con fondos comunitarios e cos requisitos de calidade establecidos para a rede principal da Rede Transeuropea de Transporte”, dixo a deputada popular.
Neste sentido, indicou que o pasado 16 de outubro se abriu unha nova convocatoria do programa de traballo multianual do mecanismo financeiro Conectar Europa, dotada con 750 millóns de euros en distintas liñas de financiamento nas que se poderían incluír proxectos de interese para Galicia.
“Lamentablemente, o que se constatou na última reunión do grupo de traballo sobre o corredor organizada pola Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea, celebrada o pasado 19 de novembro, foi que o Ministerio de Fomento non ten avanzado nada na promoción da rede de mercadorías do noroeste ante este mecanismo de financiamento comunitario, deixando simplemente pasar o tempo”, manifestou Julia Rodríguez.