Santiago, 26 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, coa abstención de En Marea e BNG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Ministerio de Fomento dote a Galicia de trens AVRIL para a prestación do servizo na liña Madrid-Ourense-A Coruña e Vigo, mellorando os tempos de conexión coa Meseta e facéndoos máis competitivos.
O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, lembrou que, “unha vez que neste Parlamento, a tra´ves dunha proposición non de lei do Grupo Popular, deixamos claro no mes de xullo que nin Galicia nin os galegos estamos dispostos a que a finalización do AVE se demore máis alá de 2019, agora toca ir un paso máis alá e pensar xa na mellora do servizo”.
MÁIS EFICIENTES, CONFORTABLES E COMPETITIVOS
Fernández Prado explicou que os trens AVRIL permitirían “optimizar as prestacións, xa que son máis eficientes, confortables e competitivos”. En concreto, indicou que as súas características singulares outórganlle unha gran fortaleza: unha oferta de asentos moi superior á actual, velocidades que roldan os 330 quilómetros por hora, son autoaccesibles e teñen rodadura desprazable, o que permite circular en traxectos con diferentes anchos de vía”.
“O tren AVRIL é o único do que disporá Renfe no seu parque móbil que garante plenamente as prestacións de alta velocidade en vías de ancho variable, como será o traxecto entre Madrid e Galicia”, manifestou Martín Fernández.
PREOCUPACIÓN
O portavoz popular amosou “a nosa preocupación porque desde a chegada do novo Goberno central socialista xa se teñen posto en dúbida moitos compromisos adquirido polo anterior Ministerio de Fomento con Galicia, como o prazo de finalización das obras do AVE, a liberalización da peaxe de Redondela, a execución da Vía Ártabra ou o Plan de investimentos en estradas, co que isto supón para o novo trazado entre Vigo e O Porriño”.
“Toda unha serie de exemplos nos que o novo Ministerio de Fomento sementa inquedanzas en torno a infraestruturas estratéxicas para Galicia”, polo que considerou “necesario que o Goberno do Estado ratifique e garanta que as liñas de alta velocidade de Galicia van contar para a prestación do servizo con trens AVRIL de última xeración”, afirmou.