Santiago, 11 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a implantar un programa de actuacións para mellorar, modernizar e adaptar as instalacións dos mercados de gando de Galicia autorizados como centros de concentración para intercambios intracomunitarios, con énfase no referente ao benestar animal.
O deputado popular Rubén Lorenzo considerou “necesario estudar a implantación dun plan de acción destinado a apoiar a mellora das condicións de benestar dos animais nos mercados de gando de Galicia, que inclúa, entre outras cousas, a modernización e adaptación das instalacións”.
GUÍAS DE BOAS PRÁCTICAS
“O interese prioritario debería enfocarse cara aos mercados de gando autorizados como centros de concentración para intercambios intracomunitarios, en concreto os de Silleda, Santiago e Castro de Rei, tendo en conta, ademais, que teñen a consideración de mercados nacionais”, sinalou Lorenzo.
En concreto, o deputado indicou que este programa “ben podería artellarse mediante actuacións que aseguren o cumprimento das guías de boas prácticas nos mercados de gando, pero tamén a través dunha liña de axudas destinadas a mellorar non só as infraestruturas e os equipamentos dos mercados, senón tamén o manexo e demais servizos destinados ao benestar dos animais nos mercados de gando nacionais de Galicia”.
Rubén Lorenzo manifestou que “o estrés propio causado polo traslado dos animais, xunto ao producido pola súa mestura nos recintos do mercado de animais dos distintos rabaños e o derivado do cambio de ambiente e o manexo, provoca que as instalacións dos mercados se consideren como puntos sensibles no benestar e, polo tanto, deben ser tratados con especial consideración”.