Santiago, 23 de maio de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que avance na tramitación dunha nova variante de Ribeira, entre a glorieta do final da autovía do Barbanza e a DP-7303, licitando antes deste verán a redacción do proxecto do seu trazado.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, iniciou a súa defensa desta iniciativa no Pleno lembrando que esta proposición non de lei “é unha das moitas que o noso compañeiro Carlos López Crespo tiña rexistrado na súa curta pero intensa labor de parlamentario”. “Espero estar altura do que Crespo pretendía con esta iniciativa, porque intúo que o máis importante para el era o beneficio para os veciños e veciñas do Barbanza, intúo a súa ilusión por impulsar a construción desta infraestrutura e intúo, sen temor a equivocarme, o entusiasmo co que intentaría convencerlles de que apoiasen esta proposta que tanto melloraría a vida dos residentes e visitantes de Ribeira e a súa comarca do Barbanza”, indicou.
REMATAR O SISTEMA VIARIO
Paula Prado explicou que esta actuación “permitirá rematar de conformar o sistema viario de Ribeira, permitindo circunvalar o núcleo de Santa Uxía e mellorar os accesos ás zonas que están máis afastadas do viario principal, ata chegar á estrada provincial DP-7307 que pola costa comunica con Aguiño”.
“A finalidade deste novo viario é converterse nunha alternativa de recorrido ao núcleo de Ribeira que distribúa o tráfico que actualmente accede e se reparte polas súas diferentes rúas, de maneira que se desconxestione o eixe costeiro”, manifestou a viceportavoz popular.
Así mesmo, Prado xustificou a necesidade desta infraestrutura porque “estamos falando de Ribeira, a comarca con maior densidade de habitantes e unha alta densidade de vehículos; porque ao ser Ribeira unha península, o tráfico de entrada e saída concéntranse no mesmo punto e cómpre flexibilizar o tráfico e evitar atascos; e porque esta variante aportará unha maior conectividade das parroquias máis illadas, como Aguiño, Carreira ou Castiñeiras”.