Santiago, 22 de xaneiro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar os mecanismos necesarios para que os concellos de Galicia, especialmente os máis pequenos, poidan realizar axeitadamente todos os trámites administrativos que teñen que ver coa limpeza e conservación tanto das fincas como das faixas de protección nos montes galegos, ao tempo que colabora coas entidades municipais nos traballos técnicos de redacción e elaboración dos planos que delimitarán estas faixas de protección nos diferentes núcleos de poboación.
O portavoz do Medio Rural, Moisés Blanco, recoñeceu que “garantir o bo estado das parcelas e faixas secundarias como establece a lei supón un esforzo para os concellos, quen, pese a boa vontade e interese que puxeron os alcaldes, atopáronse con moitas dificultades para o seu cumprimento”. “Galicia conta con máis de 30.000 núcleos de poboación a xestionar, unha multitude de parcelas e, sobre todo, parcelas de propietario descoñecido, o que imposibilita en moitos casos as labores de limpeza, tal e como quedou reflectido do ditame elaborado pola Comisión de Estudo sobre a política forestal celebrada o pasado ano”, lembrou.
Blanco Paradelo concretou que “o obxectivo é que as actuacións sobre o terreo en cada municipio conduzan á mobilización das terras incluídas nas faixas secundarias, habilitando os mecanismos previstos pola lexislación de mobilidade de terras”.
Neste sentido, Blanco sinalou que esta proposición non de lei responde á recomendación recollida no ditame da comisión de estudo sobre a política forestal na que se demanda o establecemento de mecanismos de cooperación cos concellos para facilitar o cumprimento das súas obrigas respecto ás franxas de xestión da biomasa