Santiago, 30 de outubro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a que, antes de que remate o presente ano 2018, asine un convenio coa Deputación de Pontevedra e os concellos de Portas, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa no que se recollan os compromisos de todas as partes e un calendario de execución para a creación da primeira vía verde ferroviaria, que discorrerá entre Vilagarcía e Portas.
A deputada popular Maribel Novo salientou que a vía verde que discorre polos concellos de Vilagarcía, Caldas e Portas “é a primeira senda integramente galega que aproveita as vellas vías do ferrocarril en desuso” e apuntou que este proxecto “pretende abrir posibilidades turísticas e de ocio para unha comarca chea de recursos”.
NOVE QUILÓMETROS DE LONXITUDE
Esta ruta ten unha lonxitude superior aos nove quilómetros e o proxecto inclúe o acondicionamento da ponte metálica que salva o río Umia, no límite municipal de Caldas e Portas, un exemplo de enxeñería ferroviaria de finais de século XIX. O percorrido tamén inclúe a Azucreira de Portas, un exemplo de patrimonio industrial e referente cultural da comarca, e permite adentrarse no Pazo de Rubiáns e nos xardíns de camelias.
“O PPdeG apoia este proxecto de vía verde, pero recoñecendo que ten que ser un traballo conxunto e organizado con diálogo e consenso entre todas as administracións: Xunta, deputación e concellos”, sinalou a deputada popular.