Santiago, 27 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta potenciar a creación de contidos de formación en lingua galega que faciliten o seu estudo e coñecemento para persoas de toda a xeografía galega e a todas aquelas persoas interesadas non residentes en Galicia.
A deputada do Grupo Popular Isabel Novo Fariña salientou “a importante evolución que se produciu na formación en lingua galega nos últimos anos, que deu como resultado unha maior porcentaxe de poboación que mellorou as súas competencias tanto en lectura como en escritura en galego”.
ESTRATEXIA DE ENSINO E APRENDIZAXE EN LIÑA
“Porén, aínda hai sectores da cidadanía que non tiveron acceso a ese coñecemento en lingua galega mediante o ensino obrigatorio, ao que debemos sumarlle persoas que viven na Comunidade galega pero son oriundas doutras comunidades ou persoas doutros países non residentes en Galicia, ademais da poboación emigrante ou descendentes de emigrantes retornados”, apuntou.
Para afrontar esta situación, Isabel Novo indicou que o Goberno galego está a desenvolver unha estratexia de ensino e aprendizaxe en liña que facilita o acceso á formación en lingua galega a todas as persoas que desexan adquirir ou mellorar a súa competencia lingüística, aproveitando as vantaxes que ofrecen .
“Temos que aproveitar as oportunidades e as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías e tamén dar facilidades ao amplo sector da poboación que desexe adquirir ou mellorar as súas competencias en galego”, sinalou a deputada popular.