Santiago, 27 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Concello de A Coruña que realice canto antes as adaptacións urbanísticas necesarias da súa competencia para o desenvolvemento da futura estación intermodal, así como que remita á maior brevidade a proposta de convenio marco específico entre Xunta, Concello e Adif que estableza o reparto de responsabilidades de cada unha das partes neste proxecto.
Así mesmo, e logo dunha transacción co Grupo Socialista, solicítase á Xunta a procurar, a través dos diferentes mecanismos ao seu alcance, o financiamento necesario para a construción da estación intermodal.
O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, salientou que a Xunta “está a avanzar con determinación na dotación de estacións intermodais ás cidades galegas, iniciando obras en Santiago e Ourense, así como con avances importantes en Vigo ou Pontevedra”. “Pero non é así na cidade de A Coruña, onde os diversos cambios de criterio do Concello obrigaron a redefinir gran parte do traballo xa feito polo Goberno galego”, lamentou.
“Os novos condicionantes esixidos polo Concello de A Coruña, unha vez que o proxecto xa estaba redactado, e o cambio de boa parte das propostas que o Concello tiña feito con anterioridade fan agora que todo ese traballo realizado pola Xunta e case medio millón de euros investidos na redacción do proxecto queden anuladas, obrigando a licitar e redactar de novo o proxecto básico e de execución da terminal de autobuses integrada na estación intermodal”, explicou.
PREOCUPACIÓN POLO DESINTERESE DO CONCELLO
Fernández Prado manifestou que desde o PPdeG “asistimos con preocupación ao desinterese que parece manifestar o Concello de A Coruña coa construción da estación intermodal e a súa falta de axilidade, que pode levar á perda de fondos europeos, para levar adiante un proxecto estratéxico para a cidade ao que non podemos nin debemos renunciar”.
Deste xeito, e ante o compromiso da Xunta de elaborar un novo proxecto para a terminal de autobuses, “consideramos necesario que o Concello de A Coruña se implique e poña enriba da mesa canto antes o convenio específico no que se recollan as responsabilidades de cada administración no desenvolvemento da estación intermodal de A Coruña, evitando futuras variacións de criterio por parte dos responsables municipais”.