Santiago, 7 de outubro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, coa única abstención do Grupo Socialista, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno do Estado a modificación do artigo 91 da Lei 37/1992, do imposto sobre o valor engadido, de xeito que se inclúan as máscaras e os hidroxeles desinfectantes no listado de bens aos que se lles aplica o tipo reducido de IVE do 10 por cento ou superreducido do 4 por cento, equiparándoos a outros produtos farmacéuticos que tamén son imprescindibles.
A deputada popular Encarna Amigo manifestou que “desde o Partido Popular sempre sostivemos que unha medida eficaz e inmediata para abaratar e facer máis asequibles as máscaras e hidroxeles desinfectantes sería baixar o tipo de IVE que se lles aplica”, polo que considerou esta proposta “de sentido común, xa que supón un custo moi importante para moitas familias que na actualidade están a pasar por momentos críticos”.
300 EUROS ANUAIS
“Estímase que a media de gasto para unha familia tipo sitúase arredor dos 300 euros anuais, polo que procede adoptar medidas excepcionais ante un problema de saúde pública nun momento excepcional como o que estamos a vivir”, sinalou.
Encarna Amigo lembrou que “esta demanda xa foi trasladada polo presidente da Xunta ao Goberno de España na Conferencia de Presidentes celebrada o pasado 19 de abril na Rioxa, ao tempo que tamén o Grupo Popular no Congreso dos Deputados apoiou unha iniciativa neste mesmo sentido que contou co voto en contra tanto dos deputados socialistas como de Unidas Podemos”.
“Estamos a falar de que o Goberno de España debe ter vontade política para proceder á rebaixa do IVE, do mesmo xeito que xa gozan os cidadáns de países da nosa contorna como Portugal, Francia ou Italia”, indicou a deputada popular.