Santiago, 28 de abril de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do PSdeG nin do BNG, a través da que se solicitan ao Goberno central diversas actuacións en Vigo relacionadas coa AP-9, o transporte ferroviario, a conexión eléctrica a 220 KV, o Xacobeo 2021-22, a construción da Biblioteca Pública Nacional ou a modificación das leis de cambio climático ou de pesca sostible naqueles aspectos que prexudican directamente a esta cidade.
A deputada popular Teresa Egerique concretou as demandas que se trasladarán ao Goberno de Pedro Sánchez: actuacións complementarias á ampliación da AP-9 en Chapela; integración da AP-9 en Vigo; conexión da AP-9 co Ifevi; transferencia da AP-9 a Galicia, aplicando bonificacións e suprimindo a peaxe de Redondela; soterramento da VG-20 en Navia; estudo de alternativas para solucionar os problemas estruturais de abastecemento á Vigo; compromiso co Corredor Atlántico e saída sur da cidade; AVE Vigo-Porto e AVE Ourense-Vigo por Cerdedo; conexión de Vigo á rede de transportes de 220 KV, incluíndo a planificación de rede eléctrica de España para o período 2021-2026; aposta por unha planta de baterías en Vigo; garantir e concretar a apoios para o Xacobeo 2021-22 na cidade; executar o proxecto dunha Biblioteca Pública Nacional, respectando as dimensións iniciais; e rectificar a Lei de cambio climático e a Lei de pesca sostible naqueles artigos que prexudican directamente a Vigo e a súa área.
“Vémonos obrigados a traer esta iniciativa ao Parlamento galego debido á perda de peso que está a ter Vigo ante o Goberno central, porque cada vez é máis evidente que as necesidades da primeira cidade de Galicia e centro da Eurorrexión co norte de Portugal deixaron de ser prioritarias”, explicou a deputada popular.
RECUPERAR O TEMPO PERDIDO
Egerique sinalou que “Vigo estaba chamada a ser unha cidade aberta, cordial e chea de oportunidades, pero nos últimos anos o seu alcalde decidiu cambiar o rumbo, pechar as portas, poñerse de costas, erixirse no vitimismo e facer políticas personalistas e cativas”. “Se é importante facer cousas e sacar adiante proxectos, máis importante é recoñecer a día de hoxe todo o que se deixou de facer e intentar recuperar o tempo perdido”, apuntou.
?️Queremos recuperar o tempo perdido,é preciso reivindicar a reactivación todos os proxectos urxentes para Vigo,esta situación podería chamarse «a deixadez dos caballeros» @temtem23 sinala que nos 14 anos de Abel Caballero como alcalde a cidade perdeu peso e riqueza @PPdeVigo pic.twitter.com/UsztmUunwd
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) April 27, 2021
“Con esta iniciativa, o Grupo Popular pretende recuperar ese tempo perdido, reivindicando todos os proxectos urxentes, que nunha boa parte xa foran comprometidos polo Goberno de Mariano Rajoy e que ou ben permaneceron durmidos tras a chegada de Pedro Sánchez, ou viron reducida a súa dotación orzamentaria ou mesmo desapareceron dos plans do actual Goberno de España”, manifestou.
Fronte a esta deixadez do Goberno de España e do alcalde de Vigo, a deputada popular salientou que o Goberno galego “leva investidos máis de 1.200 millóns de euros nesta cidade nos últimos dez anos”. En concreto, lembrou que se puxo en marcha unha nova depuradora, o novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro, a Cidade da Xustiza, a nova estación intermodal, a urbanización do Pau de Navia ou as reformas do casco vello vigués.