Santiago, 21 de outubro de 2020.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención de PSdeG e BNG, a través da que se demanda ao Goberno de España que acometa, canto antes, os cambios normativos necesarios na lexislación orgánica en materia de saúde pública para poder actuar ante a pandemia da COVID-19 con plenas garantías e seguridade xurídica.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lembrou que “a incidencia da pandemia sanitaria en España foi intensa, pero o certo é que o número de falecidos, pese ao drástico das medidas adoptadas, non nos deixa no mellor lugar en comparación cos países do resto de Europa e das economías máis avanzadas”.
ESTADO DE ALARMA, INSOSTIBLE NO TEMPO
Puy explicou que a Lei 4/1981 dos estados de alarma, excepción e sitio “non da respostas específicas para as crises sanitarias, especialmente das longas como a da Covid-19, e de feito remítese ás medidas establecidas nas normas sanitarias para a loita contra as enfermidades infecciosas”. Ademais, sinalou que o estado de alarma “foi necesario ao principio da pandemia, pero enseguida se viu que era insostible no tempo pola propia esencia dos estados de excepción e o seu carácter restrinxido en democracia; polo certo abuso no seu uso por parte do Goberno central, adoptando decisións sen consultar coa oposición e as comunidades autónomas; e pola súa pouca compatibilidade coa esencia dun Estado descentralizado a nivel sanitario”.
Por este motivo, lembrou que o propio Presidente da Xunta “xa demandou durante a terceira prórroga do estado de alarma no mes de maio unha reforma urxente da lexislación orgánica sanitaria, para que a Administración Xeral e as comunidades autónomas tivesen instrumentos e capacidade para combater máis eficazmente a pandemia”.
A raíz desta solicitude, tanto o Presidente Sánchez como a vicepresidenta Calvo anunciaron a intención do Goberno central de revisar a lexislación sanitaria na Comisión de reconstrución do Congreso. Posteriormente, no mes de xuño, o Pleno do Congreso aprobou o Decreto-Lei de medidas de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise da Covid-19, co compromiso da tramitación como proxecto-lei da reforma da lexislación sanitaria para incorporar tamén os orzamentos necesarios para a súa aplicación.
“Tamén foi o propio Pedro Sánchez o que aceptou na Conferencia de presidentes presencial celebrada na Rioxa a finais de xullo a suxestión de Feijóo de elaborar un novo texto lexislativo, pero a día de hoxe aínda non se fixo nada a pesar dos problemas xurdidos coas rectificacións xudiciais ás medidas adoptadas para algunhas comunidades autónomas”, manifestou Pedro Puy.
ANTICIPACIÓN DA XUNTA
O portavoz popular salientou que “a proposta de Lei remitida recentemente pola Xunta ao Goberno central restablecería o principio de legalidade, cun catálogo de medidas limitativas de control de enfermos; o seu tratamento; a vacinación obrigatoria; as restricións á circulación e reunión de persoas; ou garantías como preservar a dignidade dos enfermos, a motivación das decisións, o principio de protección, a temporalidade das medidas, a preferencia pola colaboración voluntaria dos cidadáns, ou a preferencia polas decisións que restrinxen menos a liberdade das persoas”
“En definitiva, o Goberno da Xunta anticipouse ao Goberno central na implantación de medidas para evitar a expansión da pandemia sanitaria, ofrecendo alternativas e conseguindo que a incidencia fose menor que no conxunto de España”, salientou Puy, quen incidiu na necesidade dunha nova lexislación sanitaria “que aporte seguridade xurídica, porque desgraciadamente o tempo deunos a razón a Galicia”.