Santiago, 5 de abril de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno central para que aprobe, o máis pronto posible, unha modificación do Código Técnico da Edificación que introduza medidas para a prevención e protección das persoas fronte á exposición a gas radón no interior dos edificios.
A iniciativa incorpora, ademais, a necesidade de aprobar unha normativa estatal específica sobre a protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ao gas radón. Esta normativa servirá de base para regular o procedemento de elaboración, aprobación e implantación dun Plan estatal contra o radón, que deberá contar coa participación das comunidades autónomas e as entidades locais, así como co asesoramento do Consello de Seguridade Nuclear.
FOMENTAR A IDENTIFICACIÓN
O portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, explicou que “este plan deberá incluír medidas para fomentar a identificación dos edificios públicos, lugares de traballo e vivendas nas que é prioritario favorecer a redución da concentración de radón, así como unha estratexia de comunicación para aumentar a concienciación entre responsables públicos e axentes sociais”.
Ata o momento da aprobación dese Plan, o Parlamento galego demandou que a Xunta “continúe financiando, a través das axudas destinadas á rehabilitación, as actuacións de eliminación do radón en vivendas, co cofinanciamento, ademais, das liñas do Plan estatal de Vivenda 2018-2021 cando entre en vigor”.