Santiago, 18 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se require ao Goberno central o arranxo integral e urxente das estradas da súa competencia en Galicia, e concretamente da autovía A-55 ao seu paso por Mos e Porriño, incluíndo os carrís de incorporación e as vías de servicio paralelas.
A deputada popular, Felisa Rodríguez lamentou “o estado de deterioro e abandono que está a sufrir a autovía A-55, unha vía de titularidade estatal e a única ruta libre de peaxe de entrada a Vigo”.
RISCO DE ACCIDENTES
“Este deterioro e abandono por parte do Goberno central incrementa o risco de accidentes, que por desgraza xa son bastantes nesta castigada e mal chamada autovía”, sinalou, para a que demandou unha rehabilitación total do firme con asfalto antirruído e absorbente permeable.
Felisa Rodríguez lembrou que conservar a rede de estradas en condicións axeitadas para garantir a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios vías cómodas que faciliten os seus desprazamentos debe ser un obxectivo prioritario das administracións con competencias na materia”.
“Por este motivo, a reparación desta autovía é unha necesidade que lle debemos a todos os usuarios deste tramo tan perigoso da A-55, así como a todos os veciños de Mos, Porriño, Vigo e da comarca da Louriña e do Baixo Miño”, engadiu.