Santiago, 21 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que foi transaccionada co Grupo Socialista, a través da que se demanda ao Goberno central que leve a cabo as reformas lexislativas aprobadas e recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero coa máxima celeridade, ao tempo que concreta a forma e o prazo sobre a formalización da distribución dos créditos correspondentes a este Pacto de Estado tanto ás comunidades autónomas como ás entidades locais para o ano 2019.
A iniciativa tamén incorpora a solicitude para que se reactiven os seis grupos de traballo creados no seo da Comisión Técnica de Igualdade celebrada o 30 de novembro de 2017, co obxecto de coordinar as accións para desenvolver a implementación das medidas prioritarias no ano 2018, coordinados pola Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero.
A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, lembrou que o Pacto de Estado contra a violencia machista, aprobado en decembro de 2017 no Congreso co voto a favor de todos os grupos parlamentarios, excepto Podemos, “estivo inspirado polo consenso, a unidade, a eficacia e a coordinación”.
Porén, lamentou que “mentres este Pacto de Estado se poñía en funcionamento e se dotaba orzamentariamente, tivo lugar o cambio do Goberno central a primeiros do mes de xuño e comezou un xiro de 180 graos na súa aplicación”.
COORDINACIÓN E CONSENSO
“O traballo político do PSOE para levar a cabo o Pacto de Estado contra a violencia é un estropicio, xa que non informan ás comunidades autónomas das medidas a poñer en marcha, fan o traballo de xeito arbitrario e sen coordinación; os concellos, a día de hoxe, non saben nin cando, nin como nin en que poden investir os orzamentos; e as comunidades autónomas teñen os cartos, pero fáltalles información para saber como poden investir o diñeiro”, criticou a portavoz popular.
Así mesmo, García Míguez engadiu que “non volveron a reunir os grupos de traballo, que son os indicados para facer o seguimento, control e guiar as medidas acordadas e os orzamentos”.
“Non queremos desconcerto, falta de información, plaxios, bandazos e políticas de portas pechadas”, sinalou a portavoz popular, quen asegurou que desde o PPdeG “avogamos pola unidade, a man tendida, a coordinación e o consenso”.