Santiago, 15 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno de España que tome de inmediato unha decisión para definir e determinar os cupos de comercialización do marraxo para 2022 e non xerar así un agravio comparativo para a frota galega respecto doutros países, así como que estenda esta medida con carácter retroactivo para permitir comercializar as capturas efectuadas en 2020 e 2021 nas mesmas circunstancias que os restantes estados membros da Unión Europea.
A portavoz popular de Mar, Teresa Egerique, lembrou que o pasado mes de decembro, nas negociacións da sesión anual de ICCAT de 2021, a Unión Europea e as 49 partes contratantes da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (CICAA) alcanzaron un acordo para o marraxo dientuso do Atlántico Norte. En concreto, decidiuse a entrada en vigor dunha prohibición de dous anos sobre a retención de marraxo para deter a sobrepesca e reducir a mortalidade, só no Atlántico Norte, non sendo prohibida a súa pesca nos restantes espazos mariños.
“Nestes momentos non está vixente aínda a indicación das cotas que España permitirá comercializar e que proceden doutras zonas distintas ao Atlántico norte, debendo descartarse todas as capturas xa que os permisos temporais de pesca emitidos polo Ministerio de Pesca sinalan que a captura queda condicionada á certificación por parte da autoridade CITES en España, que é o Ministerio de Transición Ecolóxica e que non publicou nin determinou as cotas que permitirá comercializar”, sinalou Egerique.
Porén, esta situación supón un agravio comparativo con outros países, como é o caso de Portugal, que veu concedendo permisos de comercialización de marraxo durante 2020 e 2021, podendo pescar os seus barcos libremente e desembarcalos na Unión Europea. “Contra a indefinición por parte de España das cotas de comercialización de marraxo para 2022, os buques portugueses poden capturalo e comercializalo sen problema”, concretou.
APOIO Á INICIATIVA DO BNG
Na mesma Comisión de Pesca celebrada esta mañá no Parlamento galego, o Grupo Popular tamén apoiou a aprobación doutra proposición non de lei do BNG a través da que se demanda ao Estado que comunique de inmediato os cupos CITES para 2022 ao sector pesqueiro afectado, ao tempo que despexa definitivamente se as cantidades de marraxo capturado legalmente no ano 2021 en proceso de estar en depósito aduaneiro, así como as que xa o están, e que continúan pendentes de certificación, poderán facelo con cargo aos cupos de 2022.