Santiago, 3 de maio de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, logo dun acordo entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, a través da que se demanda ao Goberno central que o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) elabore un informe técnico que sirva de base para realizar en 2018 as obras de reparación e contención nas zonas da praia da Lamiña e o Codesal no concello de A Guarda.
O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, lembrou que na desembocadura do río Miño prodúcense desde hai anos fenómenos de depósito de sedimentos nunhas zonas e de erosión noutras, como acontece no concello de A Guarda. “Isto é debido, principalmente, ás diversas obras que se producen nas dúas marxes dunha zona densamente poboada, ao igual que acontece nas costas coa construción de peiraos e diques que fan variar os réximes das correntes”, apuntou.
COMPETENCIA DE COSTAS DO ESTADO
Na súa intervención, o portavoz popular lamentou que o Grupo Socialista rexeitara a emenda do Grupo Popular, a pesar de que se lle explicou que “a competencia da Consellería de Medio Ambiente nesta zona, pola existencia da Zona de Especial Conservación (ZEC) Baixo Miño, limítase a autorizar actuacións realizadas polo Servizo de Costas do Estado, que é que ten a competencia de protexer as marxes”.
“Porén, e en conversacións co alcalde de A Guarda, a Consellería ten amosado reiteradamente a súa vontade de colaborar na solución dos problemas que se rexistraron tras as precipitacións deste ano, pero ata o momento non se ten recibido ningunha solicitude concreta a este respecto”, manifestou.