Santiago, 2 de marzo de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que reforce o financiamento do servizo público postal; inclúa a Correos no reparto dos fondos para a recuperación, transformación e resiliencia; actualizar e manter as oficinas auxiliares e unidades de reparto existentes nas zonas rurais; reforzar a capilaridade de Correos ampliando o numero de oficinas, unidades de reparto e centros de tratamento; garantir a cobertura dos postos de traballo estruturais necesarios para dar cobertura e garantir un servizos postal público de calidade, con emprego e dereitos de calidade; e garantir o cumprimento dos parámetros de calidade determinados pola Lei Postal e polo regulamento que regula a prestación do Servizo Postal Universal.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, amosou “a nosa fonda preocupación pola actual política de debilitamento do servizo público postal e do operador público Correos que está levando a cabo a súa dirección a través de transvasamento da actividade da matriz á filial Correos Express, a externalización de certos servizos rendibles da compañía, a cesión ou venda do patrimonio inmobiliario histórico ou polos resultados económicos negativos, que chegaron aos 275 millóns de déficit nos presupostos do Estado de 2020 e 2021”
“É necesaria unha recondución no rumbo do seu liderado e xestión”, manifestou Paula Prado, quen considerou “inaceptable que, mentres se ensalza a reversión da España baleira, se recorten servizos rurais e servizos en xeral, minguando o dereito da cidadanía á recepción de correspondencia de xeito accesible”.
DESCENSO DA CALIDADE DO SERVIZO
En concreto, dixo que Correos suprimiu na Comunidade galega 156 postos de traballo, ao tempo que está a levar a cabo un recorte na contratación que está a deixar sen cubrir o emprego estrutural e calquera tipo de permiso ou licenza. “Como consecuencia disto, a prestación do servizo público postal baixará a súa calidade drasticamente”, apuntou.
Paula Prado sinalou que “o alcance e a prestación efectiva do servizo postal universal deberán responder aos principios de cohesión social e territorial, non discriminación por razón de calquera circunstancia ou condición persoal, social ou demográfica, continuidade, eficacia e eficiencia no servizo, ao tempo que deberá adecuarse permanentemente ás condicións técnicas, económicas, sociais e territoriais, así como ás necesidades dos usuarios, en particular en materia de densidade de puntos de acceso e de accesibilidade aos mesmos, sen menoscabo da súa calidade”.