8 de febreiro de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España o impulso das modificacións legais oportunas para permitir que o novo réxime de xubilación activa mellorada pera médicos de familia e pediatras de atención primaria poida aplicarse a estes profesionais ata os 72 anos de idade.
“Trátase dunha medida transitoria e excepcional que nos permitiría ganar tempo para formar a máis médicos e ver se mentres tanto o Ministerio de Sanidade actúa decididamente e toma as medidas necesarias para solucionar un problema estatal”, manifestou a portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo.
Na súa intervención, Encarna Amigo salientou que “en Galicia xa temos comprobada a eficacia e utilidade da prolongación do servizo activo dos médicos, xa que desde o ano 2016 está permitido que soliciten a prórroga ata os 70 anos, a idade máxima permitida pola Lei”. “Estamos a falar de prórrogas absolutamente voluntarias, que se solicitan ano a ano, porque somos conscientes que moitos médicos chegan en condicións de saúde óptimas á idade de xubilación e a súa vontade é seguir no seu posto de traballo, desenvolvendo unha labor que, nestes momentos de escaseza de profesionais, é dobremente agradecida”, sinalou.
Galicia conta neste momento con 44 profesionais sanitarios xubilados en activo a través desta modalidade, logo de que máis do 80 por cento dos médicos optaran por quedarse traballando na sanidade pública galega ata os 70 anos.
PARA BNG E PSdeG CANTO PEOR, MELLOR
A través da proposición non de lei aprobada hoxe no Pleno do Parlamento galego preténdese a modificación do artigo 26 da Lei 55/2003 do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, que fixa nos 70 anos a idade máxima permitida para solicitar prórrogas. “Este cambio na normativa vixente permitiríanos ampliar ata os 72 anos a posibilidade de solicitar estas prórrogas, conseguindo mitigar a carencia de especialistas en medicina familiar e pediatría de primaria que neste momento atravesamos”, subliñou.
Encarna Amigo lembrou que o Ministerio de Sanidade xa propuxo o pasado mes de decembro facilitar a xubilación activa dos médicos de familia e pediatras de atención primaria, “poñendo de manifesto por primeira vez que comezaba a ser consciente da problemática de falta de profesionais sanitarios existente en toda España”. “Deste ese mesmo momento, o Ministerio está recoñecendo implicitamente que ten capacidade para tomar medidas, pero demostra que non ten vontade política para facelo”, lamentou.
Por último, a portavoz de Sanidade lamentou que “unha vez máis o BNG e o PSdeG non apoiaran as medidas que, tanto desde a Xunta como desde o Grupo Popular, poñemos enriba da mesa para paliar a falta de médicos e pediatras en atención primaria. “Sempre se opoñen, non vaia a ser que mellore a situación e se lles estrague o seu discurso de canto peor, mellor”, dixo.