Santiago, 27 de novembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto, a través da que se insta á Xunta a realizar unha campaña de concienciación entre as federacións deportivas galegas co obxectivo de que inclúan comportamentos discriminatorios como as cláusulas antiembarazo como censurables nos seus códigos de boas prácticas, dentro do seu réxime de financiamento e relacións de partenariado, patrocinio e esponsor. A través desta campaña tamén se poñerá en valor o dobre esforzo realizado polas mulleres deportistas que deciden ser nais ao longo da súa carreira deportiva, conseguindo así un maior apoio dos patrocinadores e esponsors.
A proposición non de lei incorpora, ademais, que o Goberno de España promova as modificacións oportunas na lexislación estatal co obxectivo de recoller as posibles solucións ás demandas actuais en relación coa dualidade deporte federado e maternidade en todos os seus ámbitos, especialmente no referido ás cláusulas antiembarazo.
A portavoz de Deportes do Grupo Popular, Lupe Murillo, manifestou que “son momentos nos que debemos falar para conseguir grandes cousas para as mulleres no deporte, sen limitacións e sempre buscando as situacións que favorezan a súa visibilidade como exemplo e como colaboradora dunha sociedade que precisa delas”.
ELIMINACIÓN DA DISCRIMINACIÓN Á MULLER DEPORTISTA
Neste sentido, avogou polo traballo conxunto de toda a sociedade e todos os sectores relacionados co deporte “para eliminar calquera tipo de discriminación contra as mulleres deportistas”. “Entendemos que a mellor maneira de chegar a este fin pode ser a través da educación e da concienciación sobre a situación para así chegar ao maior número de cidadáns, e que non quede restrinxida esta censura das condutas discriminatorias aos códigos de boas prácticas das federacións deportivas, que só están accesibles ás persoas que se dirixen a elas para algún tipo de información puntual”, sinalou.
Lupe Murillo apuntou a necesidade de que o Goberno de España, “neste momento de cambio lexislativo no ámbito deportivo, considere como prioritaria a defensa da deportista nesa etapa da súa vida na que vai estar embarazada, sen que poida este estado xerar calquera tipo de penalización”.
“Poñer freo aos patrocinios deportivos en lugar de poñer en valor o feito de ser nai e deportista pode causar o efecto contrario ao buscado”, sinalou a portavoz popular, quen engadiu que “podería ocorrer que as penalizadas foran as mulleres deportistas, basicamente polo feito de que só elas poden ser nais, o que levaría posiblemente a que se incrementasen os patrocinios aos homes en detrimento das mulleres