Santiago, 27 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para que, dentro do marco do Pacto Social e Político pola Educación, se articule un procedemento de acceso á universidade no que as probas de acceso garantan o mesmo nivel de esixencia e a igualdade de oportunidades para todos os alumnos independentemente de en que comunidade autónoma residan.
O portavoz de Educación, César Fernández Gil, indicou que “diversos informes realizados nos últimos tempos demostran a diferencia que existe na esixencia das probas de acceso á universidade entre as diferentes comunidades autónomas”. “Esta situación ten repercusión especial nalgunhas titulacións, sobre todo no caso de competencia no acceso a titulacións nas que entra con máis facilidade o alumnado doutras comunidades autónomas, con notas máis altas na selectividade, que o alumnado de Galicia”, indicou.
“Neste momento no que o Goberno do Estado anuncia reformas no ensino e nas universidades pero non ofrece unha solución ao agravio e discriminación que padece o alumnado que supera as probas de selectividade con distinto nivel e esixencia dependendo do tribunal autonómico que fixa e corrixe os exames”, sinalou Fernández Gil. Neste sentido, engadiu que “non entramos tanto na cuestión de definir unha proba única e común para toda España, senón na necesidade de que o Goberno central estableza un sistema de control ou inspección que permita velar pola igualdade de condicións de todo o alumnado”.
O portavoz popular manifestou que “se trata dunha iniciativa en positivo orientada a defender os intereses do futuro alumnado galego, demandando que se arbitren medidas que conduzan a un modelo que garanta a igualdade de oportunidades en todo o Estado”. “Debemos camiñar ca un sistema onde os estudantes, con independencia do lugar onde residan, teñan as mesmas oportunidades”, dixo.