Santiago, 15 de xuño de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG, a través da que se reclama ao Ministerio do Interior a inmediata articulación dun concurso de méritos na Policía Nacional para cubrir as vacantes existentes na Unidade de Policía Adscrita a Galicia. A viceportavoz popular, Paula Prado, sinalou que “os escasos 367 efectivos que integran neste momento esta unidade, fronte aos 500 previstos no seu cadro de persoal, están a afectar ao seu correcto funcionamento e, en consecuencia, prexudican á seguridade da cidadanía galega”.
Paula Prado lembrou que a Unidade de Policía adscrita á Xunta de Galicia naceu en 1991 cunha previsión de cadro de persoal que ascendía a 500 efectivos repartidos entre as distintas sedes. “En ningún momento desde a súa creación se alcanzou a cobertura da totalidade das prazas previstas no catálogo, pasando pola súa peor época co Goberno socialista de Zapatero, cando se reduciu a 348 efectivos, e a mellor co Goberno de Mariano Rajoy, con 474 efectivos”, apuntou.
EN MÍNIMOS HISTÓRICOS
“Son moitas as competencias que ten incrementado a Unidade da Policía Autonómica, como a protección das vítimas de violencia de xénero, a prevención de lumes, a seguridade no Camiño ou a protección de menores e do seu acceso ao xogo, pero neste momento atópase en mínimos históricos en canto a efectivos”, sinalou.
Diante desta situación de déficit de efectivos na Unidade Adscrita da Policía, a viceportavoz popular manifestou que “por parte da Xunta, por acordos neste Parlamento, dos distintos sindicatos policiais e mesmo no Consello da Policía se ven reclamando de xeito continuado ao Ministerio do Interior a cobertura das prazas vacantes”.
Así mesmo, a Xunta remitiu un borrador de convenio de colaboración co Ministerio de Interior no mes de xuño do pasado ano coa finalidade de actualizar as obrigas ao respecto da situación desta Unidade Policial. En concreto, este proxecto de convenio, que foi revisado nos meses de novembro e decembro, prevé a realización das correspondentes convocatorias dos procesos de provisión das prazas vacantes desta Unidade, responsabilidade da Dirección Xeral da Policía Nacional.
NON CREMOS O ANUNCIO DO MINISTRO
A viceportavoz popular tamén lembrou que o pasado 6 de xuño o ministro do Interior, na súa visita a Galicia con ocasión da celebración do cumio da Ameripol, manifestou que “hai vontade de cooperación e colaboración en relación á cobertura do persoal da Unidade de Policía Adscrita, e que está cerca de asinar un convenio e realizar un concurso específico”.
“Non nos creemos este novo anuncio do ministro, xa que o Goberno de Pedro Sánchez nunca compre con Galicia”, sinalou Paula Prado, quen engadiu que “leva desde febreiro do pasado ano dicindo que a incorporación de novos efectivos vai ser inmediato, máis tarde afirma que xa está cerca ou é inminente, pero a verdade é que vai rematar a prórroga do Ano Santo e seguimos igual que hai ano e medio”, manifestou.