O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda continuar realizando actuacións preventivas contra os incendios forestais nas comunidades de montes en man común do Distrito Forestal XIX Caldas- O Salnés, seguindo criterios compatibles co plan de Prevención establecido pola Consellería do Medio Rural.
O deputado popular Ángel Rodríguez lembrou que “a planificación preventiva contra os incendios forestais en Galicia debe caracterizarse polo seu dinamismo, polo que é deseñada anualmente atendendo aos índices de risco obtidos a partir de datos meteorolóxicos, a factores sociolóxicos e aos usos do territorio e a composición da vexetación”.
ACTUACIÓN INTEGRAL
“En definitiva, co fin de lograr uns resultados óptimos é precisa unha actuación integral sobre o territorio, afectando a zonas moi diversas en canto á súa estrutura, vexetación, propiedade e tipo de solo”, indicou.
Ademais, Ángel Rodríguez considerou “evidente a importancia dos montes veciñais en man común, que anualmente entra a formar parte da planificación preventiva”. Deste xeito, e despois das xuntanzas mantidas con distintas comunidades de montes en man común pertencentes ao distrito XIX, como a de Couselo, Soutelo, A Igrexa, Toxeira ou Monte Sandeu, “consideramos necesario continuar caos medidas activas de prevención contra os incendios forestais, a planificación preventiva dos lumes e o reforzo da estrutura de prevención, a través da xestión da biomasa en zonas estratéxicas e a creación e mellora das infraestruturas preventivas”.