Santiago, 21 de xuño de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a continuar o traballo realizado para a mellora da accesibilidade da rede pública de albergues e, en liña co recollido no Plan Director do Camiño de Santiago 2022-2027, elaborar un Plan das necesidades de accesibilidade co tecido asociativo de persoas con discapacidade.
O portavoz popular de Turismo, Borja Verea, lembrou que Galicia contará “ao remate do Xacobeo 21-22 cunha rede de 78 albergues públicos de peregrinos, todos eles dotados de dormitorios, cociña, sala de estar, lavadoiros e instalacións adaptadas, en concreto polo menos cun aloxamento e aseo accesible para persoas con diversidade funcional”.
DE XEITO TRANSVERSA E UNIVERSAL
Así mesmo, apuntou que todas as actuacións do novo Plan Director dos Camiños de Santiago para o horizonte 2022-2027 “desenvolveranse baixo criterios de sustentabilidade, accesibilidade e universalidade, que definen o propio fenómeno da peregrinación a Compostela”.
“A accesibilidade ten que traballarse dun xeito transversal e universal, de xeito que, no caso dos albergues, non só afecta ao acceso ao interior, senón tamén facer accesibles os camiños que levan a eses albergues, o mantemento e mellora dos diferentes Camiños de Santiago e a sinalización dos mesmos para que todas as persoas con algunha discapacidade podan percorrelos”, explicou Borja Verea.