Santiago, 3 de febreiro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar novas iniciativas e instrumentos de valorización dos resultados científico-tecnolóxicos e de transferencia dos resultados da I+D ao mercado, a través da continuidade dos mecanismos de financiamento; fortalecendo as capacidades organizativas e profesionais das estruturas e dos centros; impulsando unha cultura da transferencia na comunidade investigadora; incentivando a función de transferencia de coñecemento; mellorando as capacidades dos nosos xestores de transferencia; ou establecendo mecanismos de monitoraxe da transferencia.
A deputada popular Sandra Vázquez manifestou que o obxectivo desta proposición non de lei “é por en marcha mecanismos de transferencia dos resultados de I+D+i que se xera en Galicia para a valorización no mercado en forma de novas empresas, produtos, servizos e procesos que os vincula no incremento do gasto neste ámbito”.
APOSTA POLA FORMACIÓN
“Galicia é a única comunidade autónoma cun programa completo de formación investigadora, un importante feito diferencial que sitúa aos investigadores galegos nunha situación máis favorable respecto do resto de España”, manifestou. En concreto, lembrou que a convocatoria da Xunta de axudas á formación predoutoral e posdoutoral para o presente ano “é a de maior envergadura realizada ata agora en Galicia, con 175 contratos previstos e cerca de 18 millóns de euros de investimento”.
“Pero cómpre seguir incidindo para impulsar a cooperación entre as entidades de coñecemento e o tecido produtivo, así como a transferencia de coñecemento a través da continuidade dos mecanismos postos en marcha ata agora”, sinalou a deputada popular. Así, referiuse a novas convocatorias dos programas de axudas para seguir apoiando o desenvolvemento de aplicacións comerciais para as investigacións xeradas polos centros de coñecemento galegos; a novas actividades de difusión; á formación de especialistas en transferencia; ou á continuidade do compromiso cos centros tecnolóxicos galegos na súa internacionalización e transferencia de resultados.
Con todo isto, Sandra Vázquez rematou salientando que “se está a facer un gran esforzo en diferentes ámbitos e é o momento de seguir apostando e impulsando novas iniciativas e instrumentos de valoración dos resultados científico-tecnolóxicos e de transferencia dos resultados do I+D+i ao mercado”.