Santiago, 25 de maio de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a desenvolver un Plan integral de mellora xenética forestal, “que permita unificar as distintas actividades na materia nun único programa de planificación, execución, investigación e desenvolvemento dos recursos xenéticos forestais de Galicia a medio e longo prazo”, indicou o deputado popular José Silvestre Balseiros.
Na súa intervención, Balseiros manifestou que este Plan integral de mellora forestal, que incluirá senllos plans de mellora xenética e de mellora silvícola, “ten como fin incrementar de forma continua a cantidade e calidade dos produtos forestais, entendidos como materia prima da industria de primeira e segunda transformación en Galicia, para contribuír con iso a mellorar a súa posición competitiva”. “As innovacións tecnolóxicas que se propoñan deben incluír, dentro dos seus obxectivos, a compatibilidade ambiental e a súa adecuación á contorna socioeconómica”, apuntou.
DEMANDA CRECENTE
O deputado popular concretou que este plan integral contará con tres obxectivos: aumento da produtividade e adaptabilidade das especies forestais galegas; a conservación a longo prazo da diversidade xenética existente en Galicia, abordando aspectos como a mellora xenética forestal orientada á obtención de materiais forestais de reproducións de alta calidade, a resistencia ou tolerancia a factores adversos e novas pragas e a conservación da diversidade xenética forestal da nosa Comunidade; e a potenciación do Centro de Investigación Forestal de Lourizán como centro de referencia de I+D+I.
Silvestre Balseiros manifestou que “a demanda crecente de produtos forestais e o aumento da poboación dos países en vías de desenvolvemento, xunto coa escaseza xeneralizada destes produtos para calquera tipo de aplicación industrial, fan necesario o aumento da superficie forestal, o emprego do material de reprodución máis adaptado a cada lugar e a selección dos materiais de reprodución, tendo en conta os requirimentos da súa aplicación industrial”.