Santiago, 14 de decembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita que a Xunta habilite na Casa-Biblioteca Domingo Fontán, no lugar de Porta de Conde no concello de Portas, unha exposición permanente no que se expoña o seu traballo e obra e poida ser visitado para divulgar a súa vida e obra.
A deputada popular Maribel Novo Fariña salientou que “tres son os campos nos que Domingo Fontán destacou de xeito único a favor da sociedade galega: primeiro na ciencia, dotando a Galicia do privilexio dun mapa científico anticipándose case un século ao resto de España; segundo na política, ocupando o cargo de deputado nas Cortes de Madrid; e terceiro, como enxeñeiro de obras civís, con obras como a posta en marcha da primeira liña de ferrocarril galega entre Santiago e Carril”.
CARTA XEOMÉTRICA
Así mesmo, Maribel Novo referiuse especialmente á primeira carta xeomética de Galicia realizada por Domingo Fontán, salientando tanto a súa grandeza científica, como técnica e filosófica. “Fontán tivo que percorrer Galicia durante 17 anos, rematando a súa obra en 1834, partindo da precariedade das vías de comunicación”, indicou.
“A día de hoxe non nos damos conta da magnitude deste traballo que foi tan útil, un traballo de tal envergadura feita por unha soa persoa cun cabalo e armado cun teodolito que trouxo de París”, destacou.
Para rematar, a deputada popular subliñou que “o espírito de ciencia e meticulosidade de Domingo Fontán levouno a destacar na súa carta xeométrica de Galicia o seu humilde lugar natal de Porta de Conde coa anotación Patria del autor, demostrando os seus nobres sentimentos e valoración de aquel apartado curruncho onde se criou”.
Maribel Novoa lembrou o traballo desenvolvido ao longo dos últimos 30 anos pola Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán no estudo, divulgación e honra deste insigne personaxe. “Hoxe é un gran paso máis que esta asociación viña reclamando desde hai anos para ter unha casa-biblioteca con contido, un espazo na terra que o viu nacer para que poida ser contemplada e divulgada a súa obra”, sinalou.