Santiago, 19 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a tomar todas as medidas precisas para evitar as altas temperaturas dentro do Hospital Provincial de Pontevedra.
A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo sinalou que o problemas de calor que sofren os usuarios e profesionais que traballan no Hospital de Pontevedra “é unha causa común en todos os centros sanitarios localizados en edificios antigos, e no caso do hospital pontevedrés estamos a falar dun edificio que ten 120 anos”.
Porén, Rodríguez-Vispo sinalou que “a Xunta de Galicia xa ven realizando nos últimos anos actuacións e dotando de equipos para paliar a calor que nalgunhas datas existe no Hospital de Pontevedra”. En concreto, lembrou que se teñen colocado láminas reflectoras en todos os vidros exteriores; se instalaron estores antitérmicos nas zonas de maior impacto do sol; se dotou de equipos fixos individuais de frío nas salas de espera de consultas externas, na sala de extraccións, na sala de espera de cita previa e no roupeiro; e se adquiriron novos equipos de refrixeración portátil para as plantas de hospitalización.