Santiago, 26 de xuño de 2019.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, a través da que se insta á Xunta para que se dirixa a todos os concellos co fin de facilitar a aplicación do recollido na Lei do Solo de Galicia no referente ás propostas que se xustifiquen pola súa calidade arquitectónica en canto ao cumprimento das condicións de edificación.
O portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, salientou que a Lei do Solo “respecta plenamente a autonomía e as competencias municipais”.
“Este Goberno galego foi quen de redactar, coa participación de todos os axentes, unha lei do solo que a oposición votou en contra e que contempla a posibilidade de valorar a calidade arquitectónica das edificacións”, manifestou.
Deste xeito, Castiñeira avogou porque “non podemos poñer portas á creatividade” en materia de arquitectura urbanística, “respectando sempre as competencias municipais porque as administracións locais non son subordinadas da Xunta”.