. Santiago, 8 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, a iniciativa do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a avanzar na elaboración e dos plans reitores de uso e xestión dos seis parques naturais e do parque nacional das Illas Atlánticas de maneira que se aproben no prazo máximo de 12 meses, garantindo que conten cun amplo proceso de participación e do máximo consenso cos concellos, asociacións ecoloxistas e comunidades locais de cada ámbito territorial.
Así mesmo, logo dunha transacción cos grupos da oposición, incorporouse que a Xunta encadre estes parques como centro do Plan de educación ambiental escolar de Galicia xa existente, así como que realice unha planificación específica da loita contra o lume para os espazos protexidos que teña en conta os coñecementos dos técnicos máis cualificados nos Parques Naturais.
O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, lembrou que en Galicia están declarados seis parques naturais: Fragas do Eume; Baixa Limia e Serra do Xurés; Serra da Enciña da Lastra; complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixan; do Invernadoiro; e Monte Aloia. “Ademias, e co fin de facilitar unha xestión coordinada dos espazos que a conforman, así como contribuír ao seu coñecemento e divulgación, creouse como un sistema integrado e unitario de todos os parques naturais a Rede de parques naturais de Galicia”, engadiu.
COMPROMISO DO PPDEG
Trenor sinalou que a elaboración destes plans reitores “é un compromiso que recollía o programa electoral co que o PPdeG se presentou ás eleccións autonómicas de 2016, compromiso que agora queremos estender a todos os grupos políticos do Parlamento”.
“O obxectivo é que estes plans reitores dean resposta a todas as necesidades destes parques naturais e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, xa que esta normativa prevalecerá sobre os plans urbanísticos á hora de adoptar as medidas que se consideren oportunas”, sinalou.
Gonzalo Trenor avanzou que “é previsible que durante o segundo semestre de 2018 estean rematados os trámites que permitan aprobar os decretos dos plans reitores de uso e xestión dos seis parques naturais”, ante o que incidiu que “son proxectos nos que conflúen moitos actores, polo que é necesario dar resposta a todas as sensibilidades e necesidades”.
“O plan reitor de usos e xestión de cada parque será un instrumento que, na medida do posible, debe estar avalado polo maior dos consensos de todos os sectores implicados, pois do que se trata é de que sexa un plan respectado por todos os que participan dun modo ou outro do parque nacional e dos parques naturais”, manifestou.