Santiago, 24 de abril de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta que, antes de que remate a presente lexislatura, realice unha planificación das oficinas agrarias comarcais consecuente coa realidade da actividade agrogandeira galega.
O obxectivo é garantir que estas oficinas agrarias manteñan as súas funcións de dinamización e de asesoramento aos gandeiros e agricultores das zonas correspondentes, dotándoas de medios materiais e humanos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade.
O portavoz do Medio Rural, Moisés Blanco Paradelo, sinalou que a Consellería “xa está a traballar na redacción dun estudo de reestruturación das oficinas agrarias comarcais, que permitirá adaptar á realidade actual a situación e os servizos que prestan estas oficinas”.
OFICINA VIRTUAL
Neste sentido, Blanco lembrou que a Xunta anunciou o pasado 21 de marzo a posta en funcionamento da Oficina Virtual do Medio Rural co obxectivo de simplificar a relación da cidadanía e das empresas coa administración galega mediante a prestación de servizos on-line de acceso único.
“Somos conscientes da importancia que para os agricultores e gandeiros teñen os servizos que ofrecen as oficinas agrarias comarcais, polo que consideramos salientable o esforzo que a Xunta está a facer para fornecelas debidamente de persoal e adaptalas ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías”, engadiu.