Santiago, 11 de febreiro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a iniciar un proceso participativo e colaborativo para a celebración en 2023 do centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos.
“Esta celebración é unha data sinalada no noso calendario, que está chamada a pechar un círculo de tres efemérides centenarias claves para a nosa cultura iniciado en 2016 coas Irmandades da Fala e seguido en 2020 coa Revista Nós”, concretou o deputado popular José Luís Ferro.
O Seminario de Estudos Galegos chegou a agrupar ao longo da súa vida a máis de 200 socios activos, e durante os anos nos que estivo activo editou unha vintena de libros e seis números da súa revista Arquivos.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
“Esta institución veu encher o baleiro investigador existente ata ese momento naqueles ámbitos aos que non chegaba a universidade, xogando ademais un papel clave no proceso de normalización lingüística ao empregar o galego na transmisión do coñecemento científico e da realidade da Comunidade galega”, indicou o deputado popular.
José Luís Ferro anotou que o Seminario de Estudos Galegos “está unido indisolublemente a unha xeración que buscaba experimentar con novas técnicas e estilos con absoluta liberdade creativa, vinculado aos profundos cambios que a literatura e as artes de Galicia viviron durante os anos 20 e 30 da man das recén incorporadas vangardas”.
Por este motivo, Ferro demandou que a Xunta “inicie un proceso colaborativo e participativo para a posta en marcha dunha programación á altura do centenario do Seminario de Estudos Galegos, outorgándolle a relevancia cultural e social que este grupo de investigadores se merece, elevándoa a nivel institucional e dándolle unha perspectiva plural”.