Santiago, 29 de xaneiro de 2020.- O Parlamento de Galicia vén de aprobar este mércores unha iniciativa do Grupo Popular na que insta á Xunta de Galicia a que esixa ao Goberno de España a convocatoria urxente da Mesa das Pontes para establecer a folla de ruta que garanta un futuro para as 750 familias que dependen da actividade da central térmica que Endesa ten nesta localidade, non aceptando a tramitación do expediente de peche presentado pola empresa ata que conclúan as probas con distintas mesturas de combustibles e existan alternativas viables para o mantemento do seu emprego.
Na súa intervención, o viceportavoz popular, Miguel Tellado, explicou que “non nos resignamos a que unha industria clave para a comarca do Eume e para Galicia peche por unha decisión política de Pedro Sánchez”. Neste sentido, lembrou que antes de ser ministra, Teresa Ribera elaborou un informe para o PSOE no que solicitaba o peche das térmicas. “E cando chegaron ao Goberno executaron a orde”, proseguiu, “sen importarlles se as centrais se adaptaran á normativa europea de emisións, se eran viables ou o impacto económico nas zonas afectadas”.
Do mesmo xeito, acusou ao executivo socialista de “expulsar ao carbón do mercado pola vía fiscal e, cando as centrais captaron a mensaxe e decidiron cerrar, a súa única preocupación era que non o anunciasen antes das eleccións xerais”.
GALICIA, COA TRANSICIÓN ENERXÉTICA XUSTA
“Galicia estivo sempre comprometida coa busca dunha transición enerxética que sexa xusta e ordenada, algo que non pode dicir o Goberno Sánchez, que apostou sempre pola ruptura e o peche abrupto das centrais” incidiu o voceiro de Industria, aclarando que esta pasa por lograr unha alternativa que permita manter a actividade de Endesa mentres se buscan biocombustibles que acheguen a viabilidade necesaria para continuar a actividade.
Os populares defenden que nese obxectivo está centrado o comité técnico no que participa a Xunta, o Goberno central e a empresa, de aí a urxencia na convocatoria da Mesa de traballo para acelerar na procura de solucións para as 750 familias afectadas, que necesitan “certezas” e actividade económica, fronte a unha oposición á que acusou de querer só “coidados paliativos para a central”.