O Parlamento Europeo aprobou hoxe, no pleno celebrado en Estrasburgo, unha resolución sobre a avaliación da Política Pesqueira Común (PPC) e os pasos futuros, na que reclama á Comisión Europea que avance sen demora na súa revisión e actúe sobre os problemas estruturais identificados na súa propia avaliación.
O eurodeputado do PPdeG Francisco Millán Mon, membro da Comisión de Pesca, subliñou: “acabouse o tempo de avaliar, é tempo de actuar”. Así mesmo, destacou que o papel do Partido Popular Europeo foi “determinante”, tanto para impulsar a presentación desta resolución, como para conseguir que as principais demandas do sector quedasen recollidas no texto. Millán Mon agradeceu o labor da Presidenta da Comisión de Pesca, Carmen Crespo, na posta en marcha desta resolución.
A resolución reclama unha PPC máis equilibrada e flexible, que teña en conta as tres dimensións da sustentabilidade —ambiental, económica e social—, e pide revisar elementos como a obriga de desembarque, o concepto de capacidade pesqueira, os criterios socioeconómicos na fixación de TACs e cotas e a definición da pesca artesanal.
Por outra parte, a resolución pide tamén avanzar na simplificación das normas relativas á pesca e, entre outros elementos, urxe a cambiar o Plan Plurianual do Mediterráneo e a revisión da implementación de determinados aspectos do Regulamento de Control, como certas obrigas de notificación.
O PALANGRE NAS 87 ÁREAS
Para Millán Mon, un dos elementos máis destacados e de actualidade para Galicia é a demanda á Comisión para excluír o palangre de fondo do Regulamento de Augas Profundas de forma urxente. O eurodeputado galego recordou unha vez máis o grave prexuízo que o peche de 87 áreas está a provocar a esta arte e a necesidade de poñer remedio urxente “a unha situación que carece de sentido, ao excluírse das zonas de pesca unha arte cun impacto insignificante sobre os fondos mariños”.
Millán Mon lembrou que a pasada semana a OPP de Burela presentou en Bruxelas o informe ISPAMER, que conclúe que o impacto do palangre pedra-bola sobre os fondos mariños é practicamente inexistente. “Hai evidencia científica que debe ser tida en conta”, destacou. “O Parlamento Europeo acaba de pronunciarse e está a pedir á Comisión que actúe. Agora correspóndelle á Comisión actuar e corrixir esta situación o antes posible”, concluíu.