O Pleno do Parlamento de Galicia amosou hoxe a súa satisfacción pola concesión do Premio Nobel da Paz 2025 a María Corina Machado, expresando a confianza de que este galardón contribúa a abrir para Venezuela un horizonte de democracia, reconciliación e paz duradeira. A través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, á que o BNG votou en contra e o PSdeG se abstivo, tamén se condena enerxicamente o réxime de Nicolás Maduro, esixindo a liberación inmediata e incondicional de todos os prisioneiros políticos e das persoas detidas arbitrariamente en Venezuela, e ínstase a que poña fin á súa política de represión e ataques contra a sociedade civil e a oposición.
A iniciativa inclúe, ademais, a solicitude para que o Goberno de España recoñeza a Edmundo González Urrutia como lexítimo gañador das eleccións presidenciais do pasado 28 de xullo de 2024 en Venezuela; apoie as medidas de presión e as sancións impostas pola Unión Europea contra o réxime venezolano; e axude de forma decidida, responsable e prioritaria aos cidadáns españois, en particular aos galegos residentes en Venezuela, a través dunha dotación inmediata e suficiente de crédito para o programa Prestación por razón de necesidade para emigrantes españois no exterior.
O portavoz popular, Alberto Pazos, subliñou que esta iniciativa “reafirma o compromiso deste Parlamento cos principios democráticos e a solidariedade do pobo galego co pobo irmán de Venezuela, que continúa a padecer o terror e a opresión baixo o brutal réxime ditatorial presidido por Nicolás Maduro”. “Un réxime corrupto e torturador responsable do asasinato de opositores, responsable da detención en condicións inhumanas de centenares de presos políticos, responsable do maior éxodo da historia da humanidade e responsable de sumir a inmensa maioría do país nun inferno de fame, miseria e penuria sen precedentes”, apuntou.
REALIDADE MIGRATORIA DRAMÁTICA
Neste sentido, referiuse ao informe de ACNUR sobre a situación humanitaria neste país, “que describe unha realidade migratoria dramática: preto de 7,9 millóns de persoas, dun censo de 28,1 millóns, saíron de Venezuela buscando protección e unha vida mellor; máis de 1,3 millóns de solicitantes de asilo de Venezuela no mundo; e a propia poboación galega no país reduciuse de 46.000 a 30.000 galegos en apenas cinco anos”.
Alberto Pazos lembrou que “a oposición foi quen de gañar as eleccións e forzar a Maduro a autoproclamarse Presidente por decreto, ilexitimamente, sen ofrecer resultados desglosados e sen amosar actas do reconto electoral”. “Unhas actas que si foron recabadas por un grupo de demócratas valentes, que con risco da súa vida as recompilaron e fixeron públicas para amosar que o presidente elixido nas urnas polos venezolanos chámase Edmundo González Urrutia”, destacou.
Ademais, anotou que “o triunfo da oposición venezolana non tería sido posible sen o liderado dunha muller valente, galardoada co Nobel da Paz polo seu incansable labor en pro dos dereitos democráticos do pobo venezolano e pola súa loita para lograr unha transición xusta e pacífica da ditadura á democracia”. “Esa muller chámase María Corina Machado e foi gravemente insultada polo BNG neste Parlamento polos que prefiren estar do lado dun ditador que do lado da democracia, unha mancha que o Parlamento de todos os galegos non pode aceptar”, rematou.