O Pleno do Parlamento de Galicia acordou hoxe, a través dunha iniciativa do Grupo Popular que votou en contra o BNG, manifestar o seu apoio á rebaixa do nivel de protección do lobo e, deste xeito, restablecer o equilibrio entre a preservación desta especie e as actividades gandeiras desenvolvidas no rural. Asemade, pídese ao Goberno central que apoie ás comunidades autónomas no desenvolvemento das accións oportunas e que sexan precisas para a xestión do lobo e coas que defender os intereses dos gandeiros.
O portavoz popular de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, afirmou que “a convivencia entre a gandería e o lobo non é unha utopía inalcanzable, e mostra disto foi que non hai tanto en Galicia era unha realidade”. Porén, apuntou que a inclusión do lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lespre) derivou que o número de manadas en Galicia aumentara un 37 por cento nos últimos anos e que esta especie estea presente de forma xeneralizada en todo o territorio, ao cubrir máis do 91 por cento da superficie galega, sen contar as grandes cidades e o Baixo Miño.
MAIOR ESFORZO ORZAMENTARIO
“Este incremento de manadas e a imposibilidade de adoptar medidas de control sobre a especie foron as que contribuíron a que só desde a inclusión do lobo no Lespre os avisos por danos en Galicia aumentasen un 77 por cento e o número de reses afectadas se incrementase un 57 por cento, o que supón unha media de 10 animais domésticos atacados ao día”, explicou.
Gonzalo Trenor manifestou que esta situación “provocou que a Xunta tivese que facer un maior esforzo orzamentario, tanto en axudas para paliar os danos causados polo lobo como na adopción de medidas de prevención, como a contratación de pastores, o uso de cans pastores, a instalación de valados ou pastores eléctricos”.
Pero a situación mudou coa recente aprobación no Congreso dunha rebaixa á protección do lobo ao norte do río Douro, unha iniciativa que corrixía a errada decisión adoptada polo Goberno de Pedro Sánchez en 2021 ao incluír a esta especie no Lespre de xeito unilateral e sen aval científico. “Unha decisión que se mantivo malia que a Comisión Europea e o Convenio de Berna se mostraron favorables a rebaixar a protección da especie, ao entender que se atopa nun bo estado de conservación”, lembrou.
RESTABLECER O EQUILIBRIO
“Galicia foi unha das comunidades que liderou a demanda para retirar do Lespre ao lobo, sempre da man das principais organizacións agrarias, coa pretensión de adoptar medidas de control do lobo e restablecer o equilibrio entre a protección da especie e das actividades gandeiras desenvolvidas no rural”, destacou o portavoz popular.
Para rematar, Gonzalo Trenor manifestou que “a caza do lobo vai seguir estando prohibida, con carácter xeral, pero os cambios introducidos na resolución pola que se determinan as épocas hábiles para practicar a actividade cinexética na tempada 2024-25 supoñen incluílo na relación de especies sobre as que se poden adoptar medidas de control fronte aos danos recorrentes sobre a gandería coa debida xustificación”.