Santiago, 3 de decembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a nova Lei de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, unha norma “na que todos estamos de acordo que é necesaria e na que se recoñece que é imprescindible un marco de colaboración entre todas as administracións para garantir o subministro a toda a poboación”, sinalou o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor.
Na súa intervención, Trenor salientou que a través desta nova lei a Xunta dará apoio técnico e financeiro aos concellos para garantir o subministro de auga, “respectando en todo momento a autonomía local, porque as competencias en materia de abastecemento son fundamentalmente municipais”. Así mesmo, demandou que as deputacións provinciais deben apoiar aos concellos para o cumprimento desta competencia.
CAMBIAR O XEITO DE XESTIONAR A AUGA
O portavoz popular concretou que “o obxectivo principal desta lei é garantir a subministración de auga en cantidade e calidade axeitadas á poboación, reducir a vulnerabilidade dos sistemas e protexer a saúde pública fronte a situacións adversas como a seca”.
Neste sentido, indicou que “establece medidas para garantir o abastecemento de auga en épocas de seca ou de risco sanitario, como a vivida en Galicia no ano 2017, que puxo en evidencia que é necesario cambiar, con carácter xeral, o xeito de xestionar a auga, procurando unha maior eficiencia e evitando os súas perdas, o seu derroche ou consumo irresponsable”.
Unha das cuestións importantes que se recolle nesta lei é o deber de que todos os concellos ou entidades titulares de sistemas de abastecemento con máis de 20.000 habitantes se doten dun Plan de emerxencia fronte á seca, para o que disporán de dous anos para elaboralos e contarán coa asistencia tanto económica como técnica da Xunta.
Ademais, en relación á mellora das redes de abastecemento, a lei establece que vai ser obrigatorio dispor de contadores homologados de caudal tanto nos puntos de captación de auga como nos puntos de subministración final. O obxectivo é situar as fugas de auga das redes de abastecemento por debaixo do 20 por cento fronte ao 40 por cento, que se estima de perdas na actualidade.