20 de decembro de 2022. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio do BNG, a nova Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade galega, unha lei “útil, equilibrada e necesaria cuxo obxectivo é reducir a taxa de interinidade por baixo do 8 por cento”, manifestou o viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos.
Na súa intervención, Pazos sinalou que “os datos acreditan que o Goberno galego é unha garantía de estabilidade do emprego público, e, ante esa evidencia, o único recurso da oposición é a incoherencia e a falacia”. Así, e tomando datos do Ministerio de Facenda e Función Pública, salientou que Galicia é a comunidade autónoma con menor taxa de temporalidade de empregados públicos (28,7%), moi lonxe da media situada no 40,8 por cento.
BOA DISPOSICIÓN
O viceportavoz popular agradeceu “a boa disposición de todos” para sacar adiante unha lei “útil, porque vai permitir un significativo aumento da estabilidade laboral na Administración autonómica; equilibrada, porque esas prazas estables se adxudican garantindo os principios de mérito e capacidade; e necesaria, porque corrixe e complementa algunhas eivas da lexislación estatal”.
Porén, lamentou que “o BNG nega o seu apoio a esta lei esixindo unha serie de modificacións que os seus alcaldes se negaron a aplicar nos seus propios concellos; mentres que o PSdeG simplemente desentendeuse da tramitación desta lei, dedicándose a trasladar o seu debate interno a este Parlamento”.