O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e PSdeG, a nova Lei do clima de Galicia, “que vai permitir combater con novos instrumentos o cambio climático, que nos vai permitir camiñar cara a unha economía máis eficiente e que vai permitir que todos os nosos sectores produtivos camiñen cara á descarbonización”, indicou o deputado popular Moisés Rodríguez. “Elevamos a rango de lei o obxectivo de Galicia de acadar a neutralidade climática no 2040, dez anos antes que o resto de estados e de comunidades autónomas”, concretou.
Moisés Rodríguez lembrou que “Galicia sempre foi pioneira no ámbito do cambio climático, coa aprobación dunha estratexia que fixou, por primeira vez, o compromiso dunha Galicia climaticamente neutra; os plans rexionais integrados de acción climática; e os plans de acción local polo clima”. Así, sinalou que “a prioridade é protexer á sociedade e á economía ante os riscos derivados deste fenómeno”.
NOVOS ÓRGANOS
“Esta lei permitirá promover todas aquelas accións orientadas a preparar o territorio e protexer á cidadanía dos impactos ambientais e de eventos extremos ligados ao quecemento global, coa creación, por exemplo, de refuxios climáticos que reduzan a vulnerabilidade da poboación ante vagas de calor ou o fomento de solucións baseadas na natureza”, dixo.
O deputado popular referiuse á creación de novos órganos de asesoramento, participación e instrumentos de transparencia previsto nesta nova lei, como a Oficina do Cambio Climático de Galicia, para a xestión e o fomento das políticas de mitigación, adaptación e comunicación en materia de cambio climático; ou o Foro da Acción Climática, máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de cambio climático. Ademais, a nova norma consolida instrumentos que xa están en vigor, como a Rede local polo clima, para promover a adhesión de todos os concellos galegos ao pacto das alcaldías polo clima e a enerxía.
Para rematar, Moisés Rodríguez afirmou que a lei “tamén pon deberes ás administracións” e, en concreto, sinalou que “obriga á Xunta a integrar a perspectiva climática, tanto desde o punto de vista da redución de emisións como da adaptación aos efectos do quecemento global na elaboración dos seus plans e programas sectoriais e na preparación de contratos públicos e nas convocatorias de subvencións”.
“Galicia quere dar exemplo a outras administracións e sentar as bases para regular nesta Comunidade autónoma o fenómeno coñecido como contratación pública verde”, asegurou.