Santiago, 6 de febreiro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe os orzamentos da Xunta de Galicia para o presente ano 2017, só 85 días despois da terceira toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como Presidente do Goberno galego. O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, ponderou o feito de que en Galicia haxa “un goberno serio, rigoroso e responsable” apoiado no mandato das urnas, ao tempo que convidou á oposición a que se decida a “sumar e remar xuntos na mesma dirección”.
Miguel Tellado argumentou que a maioría de emendas presentadas aos orzamentos “contraveñen a lexislación estatal básica” e repercutirían negativamente na Comunidade galega, dado que darían lugar a “unha inseguridade xurídica inasumible”.
A OPOSICIÓN QUERE SAQUEAR O PETO DOS GALEGOS
Neste sentido, lembrou que os grupos de esquerda piden en conxunto 1.000 millóns de euros máis de gasto, o que suporía o “saqueo do peto dos contribuíntes” mediante subas do imposto da renda ou creación de novos impostos, algún deles recorridos ante os tribunais, como o de grandes superficies comerciais.
Así, subliñou que ao Grupo Popular gustaríalle contar no futuro cunha oposición “razoable, construtiva e responsable” e instounos a que corrixan os “erros de vulto” que cometeron no debate destes orzamentos.
Na quenda de réplica, Tellado reprochoulle aos grupos da oposición que presenten “emendas imposibles ao tempo que nos acusan de non querer dialogar”, e lembroulles que a meirande parte destas propostas son “as mesmas” de anos anteriores. Así, apuntou que 28 das 48 emendas presentadas polo PSdeG son idénticas ás do exercicio anterior; 12 dun total de 25 no caso das Mareas; e 26 de 33 no do BNG.