Santiago, 17 de decembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe os orzamentos da Xunta para 2020, que, “pese ao momento incerto e con perspectivas complicadas a nivel nacional e internacional que estamos vivindo, permitirán seguir medrando, creando emprego, garantindo os servizos públicos e minimizando o endebedamento”, salientou o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy.
Na súa intervención, Puy sinalou que estes orzamentos “dan estabilidade ao país e permiten continuar avanzando na saída da crise, dando certidume aos axentes económicos e afirmando a sostenibilidade de Galicia”. Neste sentido, sinalou que a Comunidade galega “medrou por enriba da media española, baixou o paro máis que a media, conseguimos superar o millón de traballadores afiliados á seguridade social e, ademais, a igualdade é moi superior á media española”.
POPULISMO E ELECTORALISMO NA OPOSICIÓN
Respecto ás emendas dos grupos da oposición, o portavoz popular cualificounas de “ilusión financeira, xa que inventan novos ingresos e pintan recadación para xustificar os seus gastos”. Ademais, dixo que “incrementan o gasto de moitas partidas sen dicir de onde se vai reducir o gasto, utilizando artificios contables para esconder as consecuencias políticas e económicas do seu modelo”.
“As súas emendas son populismo e electoralismo en vena, que se acrecenta polo ton populista das súas intervencións neste debate parlamentario”, sinalou Pedro Puy, quen indicou que “nos fixeron ficción coas previsións de ingreso e agora estamos na ficción do uso incorrecto dos recursos”.