7 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade as proposicións de lei, presentadas polo Grupo Popular, a través das que se actualizan diversos aspectos instrumentais referidos ao réxime xurídico do persoal do Valedor do Pobo, do Consello de Contas e do Consello Consultivo, atendendo solicitudes realizadas por estas mesmas institucións.
En concreto, no que respecta aos cambios na Lei do Consello Consultivo, a modificación aprobada hoxe polo Pleno do Parlamento galego introducir cambios na composición da Sección de Estudos e Informes, co obxecto singular de recoller as regras aplicables para a cobertura da ausencia de conselleiros natos, que son as persoas que exerceron a Presidencia do Goberno da Xunta, tendo en conta que na actualidade ningún deles forma parte da institución.
Así mesmo, no ámbito da transparencia introdúcese a necesidade de dar publicidade aos informes elaborados pola Sección de Estudos e Informes, coa única excepción daqueles que a administración demandante do ditame solicite o seu carácter confidencial ou reservado. A través desta modificación tamén se outorga preferencia ao uso de medios electrónicos e se contempla a posibilidade da comparecencia para formular alegacións a través da sede electrónica.
INTEGRACIÓN NA ESCALA DE LETRADOS DA XUNTA
Por último, e no relativo ao persoal ao servizo do Consello Consultivo, contémplase a posibilidade de aprobar un sistema transitorio de carreira profesional, cunha previsión similar á establecida para o persoal doutros órganos autonómicos como o Consello de Contas, o Valedor do Pobo ou o Parlamento de Galicia. A reforma tamén suprime o Corpo de Letrados do Consello Consultivo, que se integran na Escala de Letrados da Xunta de Galicia, de acordo co recollido na Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.
Por outra banda, o Pleno do Parlamento galego tamén aprobou hoxe a proposición de lei do Grupo Popular de medidas sobre o réxime xurídico do persoal ao servizo do Valedor do Pobo e do Consello de Contas.
No caso da modificación que afecta á normativa do Consello de Contas, procédese a equiparar o réxime de incompatibilidades dos seus conselleiros aos termos previstos na normativa reguladora do Poder Xudicial. Deste xeito, non poderán compatibilizar o cargo co exercicio da súa profesión ou de calquera outra actividade remunerada, agás a docencia, a produción e creación literaria, artística, científica e técnica, e as publicacións derivadas daquela nos termos previstos na normativa, coa excepción daquelas remuneracións que proveñan dalgunha entidade do sector público da Comunidade galega ou das persoas físicas ou xurídicas que están sometidas á actuación do Consello de Contas.
Así mesmo, con esta modificación elévase a rango de lei algo que xa está previsto no propio regulamento de réxime interno do Consello de Contas: que as postos de traballo vacantes sexan cubertos polos mecanismos recollidos na Lei de emprego público de Galicia.
Por último, e respecto ao Valedor do Pobo, a reforma aprobada hoxe permitirá que as cinco persoas asesoras que pode designar á persoa á fronte da institución se poidan substituír de acordo con causas debidamente xustificadas.