Santiago, 17 de marzo de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda aos gobernos de España e Portugal a apertura de máis pasos fronteirizos co fin de facilitar a mobilidade das persoas traballadoras na área de fronteira.
Así mesmo, ínstase á Xunta a impulsar, en colaboración con todas as administracións e coas AECT, un estudo sobre o impacto específico da pandemia nos territorios transfronteirizos, así como un plan especial para demandar compensacións con cargo a fondos estatais e europeos para os sectores dobremente afectados pola Covid-19 e polo efecto do peche da fronteira.
O deputado popular José Antonio Armada lembrou que “na actualidade aínda permanecen pechados 20 dos 27 pasos fronteirizos que ten Galicia con Portugal, a pesar de que nas últimas semanas o Goberno portugués foi abrindo varios pasos de forma progresiva, o que repercutiu de forma positiva na atención das necesidades a ambos lados da fronteira”.
SITUACIÓN SEMELLANTE AO PRIMEIRO CONFINAMENTO
“Despois dun ano desde o comezo da pandemia seguimos tendo unha situación semellante á do primeiro confinamento, co conseguinte prexuízo para os cidadáns que, se na primeira etapa aceptaron as limitacións, agora van aumentando as súas críticas ante unha situación que non mellora, a pesar dos moitos trastornos que lles provoca decotío”, indicou.
Armada lembrou que “tanto o Goberno galego como o Grupo Popular defenden que se manteñan abertos os máximos pasos fronteirizos posibles para facilitar o tránsito de traballadores transfronteirizos e de mercadorías, evitando aglomeracións nos pasos que están abertos, así como percorridos máis longos”. En concreto, considerou necesario que “se teñan en conta as peculiaridades das áreas fronteirizas, sempre dentro das dispoñibilidades de vixilancia, levando a cabo as limitacións da mobilidade e os controis que sexan precisos para frear a propagación da pandemia e garantir a seguridade dos cidadáns”.
Así mesmo, lembrou que todas as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial, as Eurocidades, os presidentes da Xunta e da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N) reclaman que se abran o maior número de pasos fronteirizos e se teñan en conta as circunstancias especiais dos cidadáns da Raia. “Lamentablemente, en todo este tempo apenas variou a resposta do Goberno central, motivo polo que as protestas e reclamacións van en aumento”, dixo.
“Diante dos prexuízos económicos acumulados, reiteramos desde o Parlamento galego a solicitude para que se abran todos os puntos da fronteira existentes, cos mecanismos de control necesarios para respectar as normas sanitarias definidas, de xeito que os cidadáns e as empresas destes territorios non sexan penalizados por habitar nunha rexión onde Europa se fai diariamente”, manifestou José Antonio Armada.