Santiago, 17 de febreiro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición no de lei do Grupo Popular, coa abstención do Grupo Socialista, a través da que se demanda ao Goberno de España a redución do IVE dos salóns de peiteado, pasando do actual 21% a un 10%, dando o apoio necesario para garantir a supervivencia deste sector e dos postos de traballo que manteñen nun momento de especial necesidade por mor da crise da Covid-19.
A deputada popular Sandra Vázquez afirmou que a aplicación deste IVE reducido aos salóns de peiteado “suporía unha importante inxección de liquidez para este sector, nun momento vital para garantir o seu futuro e o dos postos de traballo que manteñen”. “So en Galicia, o impacto da actual crise sanitaria provocou o peche de máis de 300 negocios de peiteado e unha caída da súa facturación que supera o 40 por cento, o que se traduciu nunha considerable perda de postos de traballo”, concretou.
ESFORZO REALIZADO POLO SECTOR
Na súa intervención, a Sandra Vázquez recoñeceu “o esforzo realizado polo sector para adaptarse á normativa recomendada polas autoridades sanitarias, o que supuxo tamén un importante investimento que, apoiados pola Xunta, tiveron que asumir directamente”. Así, lembrou que “foi o Goberno galego o que publicou unha serie de axudas destinadas a compra de materiais de protección fronte á Covid-19 e, a través do Plan de rescate a autónomos, microempresas e hostalería, activou en menos de 90 días axudas por 160 millóns de euros, convertendo a Galicia nunha das poucas comunidades autónomas que puxo en marcha iniciativas de rescate reais e á altura das necesidades dos autónomos, das pequenas empresas e, en definitiva, daqueles que están a sufrir a causa da Covid-19”.
“Unha das medidas fundamentais para garantir a supervivencia dos salóns de peiteados é a baixada do IVE do 21 ao 10 por cento”, afirmou a deputada popular, quen xustificou esta medida “na súa cualificación por parte do Goberno central como servizo esencial durante o Estado de Alarma, pois, ademais do seu traballo no ámbito da estética, realizan unha importante labor hixiénica e sanitaria, especialmente para as persoas dependentes”.