O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a realizar un acto de homenaxe en lembranza e recoñecemento de José Manuel Costas Capelo para salientar a súa importancia no sector náutico-pesqueiro e na mariña mercante de Galicia, así como na formación neste ámbito.
O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, salientou que “hai persoas que, sen ocupar titulares nin buscar protagonismo, constrúen país desde o compromiso cotián coa formación, a seguridade e a dignidade profesional”. “Un deses homes foi o profesor José Manuel Costas Capelo, vigués de nacemento e coruñés de adopción, que dedicou toda unha vida ao servizo da educación náutico-pesqueira en Galicia”, indicou.
RECENTE FALECEMENTO
Costas Capelo obtivo o título de capitán da Escola Oficial de Náutica de A Coruña no ano 1964 e durante varios anos navegou en distintos buques mercantes, adquirindo unha experiencia directa do mar que marcaría o seu labor docente. Xa en terra, en 1971, accedeu á praza de profesor adxunto de Construción Naval, e en 1972 pasou a impartir docencia na Universidade Laboral Crucero Baleares de A Coruña, centro no que se xubilou como catedrático de Navegación e Instalacións Mariñas, sen deixar nunca de formar a futuras xeracións de mariños tamén no IES Universidade Laboral.
“Foi un divulgador técnico rigoroso, un mentor entregado e unha autoridade moral e profesional recoñecida en toda España”, afirmou o viceportavoz popular, quen engadiu que Costas Capelo foi socio de honra de AETINAPE, entidade coa que colaborou de forma intensa, sendo autor de numerosos artigos publicados na súa revista e inspirador de propostas lexislativas e técnicas para mellorar as condicións do traballo marítimo. Entre elas, cabe destacar a sinalización segura das bateas, a prohibición de faenar en condicións meteorolóxicas extremas, a substitución das balsas salvavidas por botes de rescate nos buques que operan en augas frías ou a implantación de sistemas de emerxencia con luces LED, como alternativa ás tradicionais bengalas.
Julio García Comesaña lamentou que o seu recente falecemento de forma repentina “deixou un fondo baleiro na comunidade educativa e profesional do mar, pero tamén deixou unha pegada profunda e transversal que o fai merecedor dun recoñecemento público, sereno e respectuoso”.