Santiago, 7 de outubro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita a elaboración do Plan de acción anual en materia de recuperación agraria, regulado na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así mesmo, incorporouse a emenda socialista coa solicitude para que se poña en marcha a Comisión de avaliación e seguimento da Lei de recuperación de terra agraria de Galicia
A deputada popular Raquel Arias explicou que, “un ano despois da entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, podemos afirmar con certeza que a súa aplicación se está efectuando de xeito satisfactorio, aínda que quedan pendentes de desenvolver importantes partes desta normativa, como é o caso do Plan de acción anual das actuacións en materia de recuperación agraria”.
O principal obxectivo da Lei de recuperación é poñer a producir as terras abandonadas e infrautilizadas mediante instrumentos totalmente voluntarios baseados nos arrendamentos, as cesións, as transmisións de titularidade das parcelas e a xestión conxunta. Así, desde a súa entrada en vigor en maio de 2021, estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia, beneficiando a 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.
POLÍGONOS AGROFORESTAIS E ALDEAS MODELO
En concreto, estas figuras son as aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta. Raquel Arias dixo que “a día de hoxe dos 21 polígonos de iniciativa pública en Galicia, 10 están xa iniciados, que supoñen a recuperación de máis de 4.000 hectáreas, e 11 atópanse en fase de actuacións previas”. Ademais, existen outras 34 iniciativas interesadas en desenvolver polígonos agroforestais de iniciativa privada, que integran máis de 1.300 hectáreas.
Respecto das aldeas modelo, neste momento atópanse en desenvolvemento 21, que acadan cerca de 600 hectáreas, máis de 9.000 parcelas e cerca de 2.400 titulares catastrais.
“Trátase de distintas fórmulas, pero todas co mesmo obxectivo: dinamizar o territorio e xerar actividade económica para que sexa posible vivir no rural e do rural, así como para anticiparse aos lumes e diminuír os danos que poidan causar”, manifestou a deputada popular.