Santiago, 16 de maio de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que poña en marcha accións de promoción do uso da madeira en construción dirixidas a profesionais, promotores e usuarios, que contribúan a difundir as vantaxes do seu emprego permitindo a valorización dos produtos da industria forestal galega.
A deputada popular María Antón Vilasánchez sinalou que “ninguén cuestiona que o sector forestal é unha oportunidade de futuro en Galicia e para Galicia”. “Así o cre tanto a Xunta de Galicia como o PPdeG, apostando por un instrumento administrativo que acompaña ao sector no seu desenvolvemento, como é a Axencia Galega da Industria Forestal”, apuntou.
INNOVACIÓN
María Antón indicou que “a innovación é un dos piares dese futuro da industria forestal galega” e neste sentido está traballando a Axencia Galega da Industria Forestal “desenvolvendo diferentes iniciativas que permitan o impulso do sector cara unha industria 4.0”.
“Todo o esforzo humano e financeiro que necesariamente se necesita para desenvolver novas solucións e procesos produtivos, novos produtos en campos diversos, novas tecnoloxías ou deseños, ten que ter unha aplicación práctica e un destinatario final: o usuario”, manifestou.
Así, a proposición non de lei aprobada hoxe demanda a promoción do uso da madeira en construcións, e a modo de exemplo a deputada popular referiuse ás novas fiestras da sede da Xunta en San Caetano, a estrutura da nova escola infantil na Estrada, o centro de saúde de Laracha, as marquesiñas dos autobuses, o centro de I+D da Universidade de Vigo, o Museo de Historia Natural de Santiago ou o Centro de referencia de formación en rehabilitación de Santiago.
“Estes centros teñen que servir para que tanto os profesionais como o público en xeral coñezan realidades e as vantaxes do uso da madeira na construción, sensibilizando dos beneficios que esta utilización ten en sectores emerxentes da nosa economía e industria”, afirmou.