Santiago, 25 de marzo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio de BNG e PSdeG, a través da que se insta á Xunta a que adopte as medidas que sexan oportunas para favorecer os investimentos de industrias lácteas en produtos de maior valor engadido. O deputado popular Daniel Vega sinalou que “o inxente esforzo de apoio ao sector lácteo galego debe traducirse nun impulso á transformación en Galicia de produtos que xeren riqueza na Comunidade autónoma”.
Na actualidade, Galicia conta con 135 empresas dedicadas á industria láctea, aglutinando máis de 1.000 millóns de euros de facturación anual e empregando a case 2.000 traballadores, “o que demostra a potencialidade dun sector tan relevante para a Comunidade galega como é o sector lácteo”, indicou Daniel Vega.
APOSTA TRANSVERSAL E DINÁMICA
Así mesmo, apuntou que “o 60 por cento do leite industrializado galego destínase á elaboración de leite líquido, feito que, de xeito implícito, posúe un baixo valor engadido”, polo que “cremos necesario unha aposta máis transversal e dinámica que lle permita a este sector ser máis ambicioso, asumir producións máis diversas e con maior valor engadido, que permitan incrementar a rendibilidade das explotacións”.
“É preciso incidir no mantemento da potencia do sector lácteo a través da industria innovadora, altamente competitiva, con vocación internacional e capacidade de regulación, para o que o obxectivo debe estar na superación do peso específico tan importante que posúe a produción de leite galego dentro de España, e avanzar cara unha produción de maior valor engadido orientada a un mercado con mellores perspectivas de incremento no consumo”, sinalou o deputado popular.
Daniel Vega salientou que “o compromiso do Goberno galego con este sector quedou patente na Estratexia de dinamización presentada, que vén reforzar a aposta por este eido económico primordial para Galicia”. De feito, actualmente Galicia acolle máis da metade das explotacións lácteas de España, producindo tanto leite como a suma das seguintes catro comunidades españolas con maior produción (Castela e León, Cataluña, Andalucía e Asturias).