O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a trasladar á Cámara a proposta de creación da Fundación Pública para o impulso da ciencia en Galicia, incluíndo toda a información sobre a súa estrutura, competencias, funcións e financiamento.
O viceportavoz popular Julio García Comesaña lembrou que a creación desta Fundación Pública “foi avanzada polo Presidente Rueda na súa comparecencia no Parlamento galego do pasado mes de outubro, seis meses despois de anunciar no seu discurso de investidura a aposta do Goberno galego para a promoción da I+D+i en Galicia”.
“A ciencia é unha prioridade para Galicia e esta aposta levounos a ser a comunidade autónoma onde máis sobre o investimento en I+D+i, o 28,2 por cento fronte ao 16 por cento da media nacional, chegando a cifras récord de 963 millóns de euros”, subliñou o viceportavoz popular. Neste sentido, apuntou que a porcentaxe de investimento en I+D+i en relación co PIB incrementouse nun 20 por cento nos últimos dez anos, “o que nos permitiu escalar do duodécimo posto entre as comunidades autónomas ata o sétimo na actualidade”.
Para rematar, Julio García Comesaña considerou “esencial situar ás persoas no centro desta estratexia e fomentar o talento”, para o que lembrou que a Xunta aprobou o pasado 16 de decembro unha convocatoria de axudas, por importe de 61 millóns de euros, para grupos de investigación, investigadores predoutorais e postdoutorais, que se suman a outras iniciativas como os programas Oportunius ou Ignis.